Portada / Acción y Cooperación política / Resolución da da coordinadora nacional de Espazo Ecosocialista galego

Resolución da da coordinadora nacional de Espazo Ecosocialista galego

A Coordinadora Nacional de Espazo Ecosocialista Galego na súa reunión trimestral, celebrada en Santiago de Compostela o 23 de marzo de 2.013, valorou a situación política, aprobou o plano de traballo da organización para o 2013 e marcou as liñas políticas do próximo período presentes na seguinte RESOLUCIÓN:

1. O ano 2013 ten sido declarado pola Unión Europea como ano europeo da cidadanía coincidindo co vixésimo aniversario do tratado de Maastricht que consagra o armazón xurídico institucional do actual modelo europeo. Para Espazo Ecosocialista resulta grotesco que se conmemore esta data ligada aos dereitos da cidadanía cando se ten confirmado na práctica que estamos diante dun modelo de construción oligopólico no económico e antieuropeo no político, cunhas institucións cun déficit democrático insalvable desde o actual marco e cando se están a dar un proceso de perda de soberanía cidadá sen precedentes, dos que o exemplo máis próximo é a intervención económica de Chipre, e onde se está a desmantelar o estado social construído no período de posguerra e recortando as liberdades conquistadas con moito esforzo.

2. A esta situación de dominio por parte da chamada troica, que ademais de vulnerar a actual soberanía dos estados e supor un golpe á liña de flotación do modelo democrático e liberdades conquistada polos europeos e europeas durante décadas, vense a sumar no noso ámbito o colapso e esgotamento do armazón político institucional saído dunha transición baixo vixíanza ao que a crise económica, os recortes sociais e a corrupción transversal aboca ao seu final.

3. Espazo Ecosocialista está convencido que diante da ofensiva económica, cultural e política por parte das forzas da dereita e das elites dominantes para o desmantelamento do ‘estado de benestar’ así como para a hexemonización ideolóxica do neoconservadurismo recentralizador e antisocial, coa intención de eliminar por medio dun proceso de recortes tódolos aspectos sociais e democráticos máis avanzados; necesitase un novo proceso constituínte, sen tutelas, onde a cidadanía exerza a súa soberanía e sustentado sobre os piares da radicalidade democrática, republicanismo, transparencia, sustentabilidade, xustiza social, cultura de paz e plurinacionalidade.

4. Fronte a esta situación requírese de alianzas políticas e sociais amplas que permitan frear esta contraofensiva e cambiar o rumbo das cousas para avanzar na recuperación de dereitos e liberdades. Pronto cumpliranse dous anos desde que o movemento dos indignad@s situou na axenda a necesidade de afondar na democracia como elemento central para recuperar o protagonismo da cidadanía e osixenar a política. É por iso que Espazo Ecosocialista puxo en marcha a campaña ‘por un novo proceso constituinte para o século XXI’ onde a radicalidade democrática é o elemento central.

5. No marco desta campaña están as conversas con outras forzas políticas para ir creando as alianzas necesarias para vertebrar unha alternativa política e electoral ás actuais elites dominantes que actúan como intermediarios de poderes económicos oligopólicos que queren eliminar os dereitos d@s traballador@s e a competencia dos sectores económicos emprendedores, as chamadas clases medias. Nese senso Alternativa Galega de Esquerda en Galicia e Espazo Plural no ámbito do estado son os marcos onde Espazo Ecosocialista Galego estase a volcar no político e no propositivo.

6. Para Espazo Ecosocialista é fundamental consolidar AGE como expresión unitaria e nova de reinterpretar a política en Galicia. A irrupción electoral e a tendencia á alza que AGE ten amosado en tan pouco tempo amosan a necesidade de novos instrumentos e a simpatía coas que a cidadanía ten acollido esta resposta transversal para construír un instrumento da esquerda de caracter nacional e cooperativo ao servizo dos sectores máis atacados polas actuais políticas. Espazo Ecosocialista é consciente das dificultades que ten crear cultura de cooperación e coalición nun panorama tan dado ao reducionismo político e ao sectarismo ideolóxico, por iso é central asegurar a continuidade da coalición electoral construíndo marcos de confianza e estruturas de relación entre as forzas políticas que a constitúen. Pero igual de importante, e sen caer nos partidos ou frontes clásicas e disuasorias da militancia partidaria, construír espazos de feedback para a cidadanía que en número crecente apoian a AGE.

7. Espazo Ecosocialista reitera o seu análise de que estamos diante dun período constituínte, onde os procesos electorais por vir, comezando polas eleccións europeas, deben situarse nesa clave. É por iso que o traballo no marco da rede de forzas nacionais da esquerda renovadora e verde, Espazo Plural, adquiren hoxe unha grande importancia. Espazo Ecosocialista que recen acaba de incorporarse ao mesmo e asinou a ‘Declaración de Sevilla’, asistirá ao próximo encontro a celebrar en xuño en Valencia coa firme convicción da necesidade de impulsar alianzas electorais amplas que conten coa maior participación posible como xeito de que a esquerda renovadora teña o protagonismo necesario neste novo proceso constituínte.

8. Para Espazo Ecosocialista seria necesario que AGE promovera unha candidatura galega que como tal se visibilizara nas próximas eleccións europeas, no marco dunha alianza máis ampla de todas as esquerdas de ambito nacional e estatal. Non obstante, e convencidos da importancia da cita, Espazo Ecosocialista convocara a principios de setembro unha convención para abordar os retos políticos e electorais dos próximos meses entendendo a importancia das eleccións europeas pero tamén sabendo que as municipais do 2015 pechan o ciclo iniciado nas municipais do 2011 e que son polo tanto extraordinarias, onde o que se xoga non é so unhas cantas alcaldías, senón a apertura dun novo ciclo político sen o dominio das actuais elites.

9. Espazo Ecosocialista aprobou hoxe o plano de traballo de 2013, tras un período de fortalecemento desde a última Coordinadora Nacional (celebrada en decembro) e que ten servido para constituír os seus nove grupos zonais, e renovar as súas directivas comarcais e elixir as súas coordinadoras.

10. En todo caso a Coordinadora Nacional tamén aprobou facer un encontro sobre ‘novos formatos para recuperar á política’ antes do verán e afronta esta nova etapa no convencemento de que o camiño aberto hai agora algo máis de un ano xa tivo os seus froitos tanto na construción do xermolo do proxecto político plural da esquerda nacional como na consolidación dun instrumento ecosocialista galego que sexa un espazo amable onde as persoas da esquerda renovadora poidan atopar o seu lugar. Queda moito por andar e compre facelo desde a unidade e a cooperación.

Santiago de Compostela, 23 de marzo de 2013

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *